A plataforma SOMOS 6000 desexa transmitir os nosos máis sinceros parabéns á candidatura encabezada por Ricardo Docobo elixida polos socios no día de hoxe para levar as rendas do noso club. Desexámoslle moita sorte nesta nova etapa ao fronte do Obradoiro, xa que sabemos que os bos resultados da súa xestión serán en beneficio de todos. Ao mesmo tempo queremos darlle as grazas á candidatura encabezada por Javier Laiño por acudir ao proceso de elección da Xunta Directiva do Obradoiro C.A.B.

Desde esta plataforma ofrecemos o noso apoio na medida do posible á Xunta Directiva entrante no que se refire ao proceso de conversión en Sociedade Anónima Deportiva que transcorre nestes momentos.

SOMOS 6000. FORZA OBRA

Somos 6.000...

Ante a próxima conversión do Obradoiro CAB en Sociedade Anónima Deportiva queremos poñer en valor ante as empresas ou negocios da cidade, e de toda Galicia, o principal activo do club: os 6000 que cada semana enchemos o Multiusos do Sar. Este é un chamamento para que apoien ao noso Obra neste momento.

Somos 6000,

as persoas que cada domingo de partido acudimos, animamos, soñamos e gozamos moitísimo co baloncesto en ACB, a segunda mellor liga do mundo. Agora tamén sufrimos polo descenso do Obradoiro C.A.B.

Durante a última década ningún espectáculo moveu regularmente durante un ano, a tanta xente en Galicia, e no resto de España non se deixou de falar do compromiso e lealdade da nosa afección.

Familias enteiras, parellas, grupos de amigos e varias peñas acudían relixiosamente chamadas por unha maxia e unha paixón que ninguén quere perder. Mais, todo iso está en perigo e porén, dirixímonos a vostedes.

A continuidade do club na loita para volver a ACB pasa agora pola conversión en Sociedade Anónima Deportiva, e precisa dunha inversión de 2,8 millóns de euros. Será dentro dun mes, cando a través da compra de accións para o público xeral, Galicia enteira poderá contribuír (cada un na medida das súas posibilidades) e quedar cun pouquiño do Obradoiro C.A.B.

Demostrado está que somos unha gran familia que transcende xa á cidade de Santiago. Estamos seguros de que milleiros de persoas saberán premiar ás empresas que colaboren no proxecto. E nós, faremos que toda esa xente coñeza a súa colaboración.

O "boca a boca" e a difusión a través das redes sociais de internet funcionarán entre os afeccionados (como xa pasou con iniciativas anteriores que colorearon Sar, como a "Marea Branca"). Cremos que non hai mellor publicidade que esa: facerse unha empresa amiga non só para os 6.000 que se achegaron cada semana a Sar, senón para os moitos simpatizantes que este clube foi capaz de reunir ó longo de toda Galicia, trascendendo ó mundo da canasta e convertíndose nunha parte máis da súa vida cotiá. Isto é o Obradoiro, moito máis que un equipo de baloncesto.
De seguro que a familia obradoirista saberá valorar e recoñecer a súa aportación.

Tamén pedimos ós medios de comunicación que se comprometan con esta idea que só pretende facer ver o potencial que ten o club, cunha masa social de 6.000 persoas detrás. Trátase de acadar un maior respaldo para o Obradoiro que redundará para ben na cidade e por suposto nos propios medios de comunicación. Sen eles sería imposible levar a cabo unha iniciativa como esta que pretende involucrar a empresas, institucións e á sociedade galega en xeral a prol dun proxecto que, como se ten demostrado noutras autonomías, pode ser moi rendible para todos e todas.

Acuda á subscrición de accións (1 acción 50€; 10 accións permiten participación na Xunta de accionistas).

A quenda para o público xeral terá apertura o vindeiro 10 de Xuño, (habendo unha primeira fase para os actuais socios) e poderanse subscribir as accións en calquera oficina de "La Caixa". Isto contribuirá a que o Obradoiro C.A.B. poida trocar en Sociedade Anónima Deportiva. O obxectivo é volver canto antes a ACB. Porque o baloncesto de elite é rendible para calquera empresa e cidade. Apoie ó Obradoiro.

SOMOS 6.000, e con vostedes sumaremos aínda máis!
Eu apoio ó Obradoiro. Iniciativa da afección SOMOS 6000
¡28.05.2010! Reportaxe da canle VTelevisión, pinchando aquí