Somos 6.000...

Ante a próxima conversión do Obradoiro CAB en Sociedade Anónima Deportiva queremos poñer en valor ante as empresas ou negocios da cidade, e de toda Galicia, o principal activo do club: os 6000 que cada semana enchemos o Multiusos do Sar. Este é un chamamento para que apoien ao noso Obra neste momento.

Somos 6000,

as persoas que cada domingo de partido acudimos, animamos, soñamos e gozamos moitísimo co baloncesto en ACB, a segunda mellor liga do mundo. Agora tamén sufrimos polo descenso do Obradoiro C.A.B.

Durante a última década ningún espectáculo moveu regularmente durante un ano, a tanta xente en Galicia, e no resto de España non se deixou de falar do compromiso e lealdade da nosa afección.

Familias enteiras, parellas, grupos de amigos e varias peñas acudían relixiosamente chamadas por unha maxia e unha paixón que ninguén quere perder. Mais, todo iso está en perigo e porén, dirixímonos a vostedes.

A continuidade do club na loita para volver a ACB pasa agora pola conversión en Sociedade Anónima Deportiva, e precisa dunha inversión de 2,8 millóns de euros. Será dentro dun mes, cando a través da compra de accións para o público xeral, Galicia enteira poderá contribuír (cada un na medida das súas posibilidades) e quedar cun pouquiño do Obradoiro C.A.B.

Demostrado está que somos unha gran familia que transcende xa á cidade de Santiago. Estamos seguros de que milleiros de persoas saberán premiar ás empresas que colaboren no proxecto. E nós, faremos que toda esa xente coñeza a súa colaboración.

O "boca a boca" e a difusión a través das redes sociais de internet funcionarán entre os afeccionados (como xa pasou con iniciativas anteriores que colorearon Sar, como a "Marea Branca"). Cremos que non hai mellor publicidade que esa: facerse unha empresa amiga non só para os 6.000 que se achegaron cada semana a Sar, senón para os moitos simpatizantes que este clube foi capaz de reunir ó longo de toda Galicia, trascendendo ó mundo da canasta e convertíndose nunha parte máis da súa vida cotiá. Isto é o Obradoiro, moito máis que un equipo de baloncesto.
De seguro que a familia obradoirista saberá valorar e recoñecer a súa aportación.

Tamén pedimos ós medios de comunicación que se comprometan con esta idea que só pretende facer ver o potencial que ten o club, cunha masa social de 6.000 persoas detrás. Trátase de acadar un maior respaldo para o Obradoiro que redundará para ben na cidade e por suposto nos propios medios de comunicación. Sen eles sería imposible levar a cabo unha iniciativa como esta que pretende involucrar a empresas, institucións e á sociedade galega en xeral a prol dun proxecto que, como se ten demostrado noutras autonomías, pode ser moi rendible para todos e todas.

Acuda á subscrición de accións (1 acción 50€; 10 accións permiten participación na Xunta de accionistas).

A quenda para o público xeral terá apertura o vindeiro 10 de Xuño, (habendo unha primeira fase para os actuais socios) e poderanse subscribir as accións en calquera oficina de "La Caixa". Isto contribuirá a que o Obradoiro C.A.B. poida trocar en Sociedade Anónima Deportiva. O obxectivo é volver canto antes a ACB. Porque o baloncesto de elite é rendible para calquera empresa e cidade. Apoie ó Obradoiro.

SOMOS 6.000, e con vostedes sumaremos aínda máis!
Eu apoio ó Obradoiro. Iniciativa da afección SOMOS 6000
¡28.05.2010! Reportaxe da canle VTelevisión, pinchando aquí